![]() |
![]() |
![]() |
||||||||||||
A Internet Society (ISOC) é a asociación relacionada con Internet con máis prestixio no mundo. Promovida polos fundadores desta rede, entre os seus membros están os creadores da tecnoloxía que sustenta o seu funcionamento e os actuais sabios e pensadores de Internet. Tamén comparten este clube miles de cidadáns que con actitude entusiasta perseguen o desenvolvimento en todo o planeta deste novo e apasionante fenómeno de comunicación global.
Cun espíritu aberto á innovación, ISOC ten como obxectivos tanto facilita-lo desenvolvimento de estándares, protocolos e infraestructuras para Internet, coma contribuir ó establecimento de mecanismos democráticos de administración da Rede á marxe dos gobernos e das grandes multinacionais. A fin última de ISOC é asegurar que Internet sexa de todos e para todos.
Na súa tarefa ISOC conta con oficiñas centrais en Reston, Virxinia (E.U.A.), a súa sé europea en Xenebra (Suiza), e está presente en todo o mundo a traveso dos seus capítulos.
|
||
Como reza na súa carta fundacional, ISOC-Galicia ten un doble escenario de actuacións. En primeiro lugar, o territorio galego e a comunidade galega espallada polo mundo. Neste ámbito, ISOC-Galicia traballará polo fortalecimento e a extensión da cultura Internet, creando vías para a articulación da comunidade galega e os seus intereses na Rede.
En segundo lugar, ISOC-Galicia constitue a representación oficial da Internet Society en Galicia e, neste sentido, sirve de canle para a distribución de información fiable sobre Internet e actúa como organización autorizada nos organismos internacionais que administran e planifican a operación da Internet globalmente. Nesta liña de actuacións, ISOC-Galicia estivo representada na reunión de coordinación de capítulos europeos, ISOC-ECC, celebrada recentemente en Berlín, e na reunión fundacional de ICANN tamén realizada nesa cidade. Do mesmo xeito, a principios de xullo estivo representada na reunión convocada pola Comisión del Mercado de las Telecomunicaciones preparatoria da vindeira asamblea de ICANN en Santiago de Chile.
A curto plazo, e para facer inda máis importante a presencia de Galicia en Internet, ISOC-Galicia quere consolida-la súa estructura. O obxectivo é constituir unha base sólida que faga efectiva-las súas políticas cara dentro, e fortalece-la súa representación nos organismos internacionais de planificación e goberno da Internet.
|
||
É importante que Galicia conte cun capítulo proprio que actúe como institución mediadora independente para contribuir ó desenvolvimento armónico e rápido da Internet en Galicia, e é tamén extraordinariamente necesario para que Galicia non quede á marxe dos foros internacionais que deciden o futuro do seu goberno, da súa tecnoloxía, e das súas implicacións socio-económicas.
Para facelo precisamo-la axuda de todos, tanto individuos como empresas e institucións. Confiamos en que Galicia responda ó ritmo que o ten feito ata agora: xa somos o capítulo máis numeroso de España e un dos máis representativos de Europa.
A Xunta de ISOC-Galicia fai un chamamiento a todos aqueles entusiastas de Internet, a tódolos que se sintan coa enerxía e ilusión de contribuir a que Galicia estea entre os que deciden e crean o futuro da Internet, para que se poñan en contacto con ISOC-Galicia, porque ISOC-Galicia necesítalles como socios. E, inda máis importante, Galicia tamén os necesita.
Se é socio de ISOC e desexa formar parte do Capítulo Galego, envíe un correo a Víctor Salgado, secretario de ISOC-Galicia. Se todavía non forma parte da Internet Society, pronto poderá asociarse a traveso desta mesma páxina. Ata entón pode utiliza-lo formulario da web de ISOC. Tanto se decide facer isto último como se non, rogamoslle que se ten interese en ISOC-Galicia se poña en contacto co noso secretario.
|
||